top of page

«Nós, A Xente Do Redor»

Actualizado: 23 abr 2024


ree

OURENSE

«Esa antigua ciudad, que riega el río padre de Galicia y cuyas aguas calientes fueron tan celebradas por los clásicos, continúa conservando todo aquel encanto que tantas páginas literarias dio a la cultura gallega en las plumas de Otero Pedrayo, Vicente Risco y Blanco Amor. No en vano fue reconocida como la Atenas de Galicia, en la época en que grandes y señeras figuras levantaron aquí su voz para dar testimonio de todo lo que significa y representa Galicia en la cultura del mundo, y proyectarla en los campos humanísticos, científicos y económicos».

Felipe VI

Tres cousas hai en Ourense,

que non as hai en España,

o Santo Cristo, a Ponte

e as Burgas fervendo auga.

(Anónimo)

Meu pai tíñalle un cariño especial a Ourense… Contábanos que sendo un mozo, cando a necesidade era unha prontitude, traballara na «Cidade das Burgas» durante un tempo, e tiña moi bos recordos da súa estancia na mesma. O que con máis agarimo relembraba era a fonda onde se hospedara e da xente que tan ben o tratara, pero sobre todo o polbo a galega que a dona e cociñeira da hospedaxe preparaba. Tanto é así que, de camiño a casa dende a Francia, era de obrigado cumprimento a proba do polbo na fonda da súa mocidade. De seguro foi o que tanto me afeccionou a este exquisito manxar da nosa cociña… Por desgraza, a miña memoria xa no é o que foi, eu que tanto dela presumín, e non acabo de recordar como se chamaba aquela fonda, e moitos menos onde se situaba. Poida que aínda exista… Se a casualidade algún día lévame até a súas portas, entrarei e, se aínda preparan polbo a galega, tomarei unha ración, ou dúas, e relembrarei o meu pai e o especial cariño que lle tiña a esta cidade, o mesmo do que eu gozo agora.

In memoriam

Entre queixumes dos pinos coñecinte un serán de outono de non relembro ben que ano deste derradeiro lustro. Sei que vin a ve-la miña sobriña cantar, e un home amable, sumamente educado, con don de xentes, estou seguro, e de pelo cano, foime presentado por Nerea, a miña citada sobriña. Debo dicir, para non ter que deshonrar a sinceridade que, cando Armando prestouse a axudarme no que puidera na miña promoción como escritor novel, non lle prestei o crédito debido. Pobre de min, home de pouca fe!… Pediume o teléfono e nunca esperei a súa chamada, até que esta produciuse. Dende entón, con Armando Lastra a cabeza como anfitrión, non deixei nin deixo de desfrutar desta cidade: Ourense. Grazas por acollerme, por levarme o Liceo, a radio, a biblioteca, por deixarme amosa-la miña obra entre as túas xentes, esas xentes do redor da que agora eu formo parte. Bendigo, se é que podo face-lo, o día desa chamada xestada entre queixumes dos pinos.

Grazas.

Xa entón viñan a pola túa bondade, a polo teu corazón de ouro. E como non ía ser!, se as túas augas proceden de terras sacras, de onde o noso Miño recolle-lo seu fillo Sil para guialo até o edén do Atlántico, mesmo aló onde os malentendidos afátanos do nosos irmáns. A súa beira fuches medrando alimentándote das súas riquezas; do seu paso manso foise fraguando o teu carácter indomábel; do seu recendo herdaches aromas a ribeiro. Logo, vaise arredando sorrindo e saudando cada vila e pobo que atopa ao seu maxestoso paso cantando as túas riquezas, belezas e bondades aos catro ventos: conta a lenda que o que di, é que atopou o dourado, que este non se atopa na África nin nas Américas como se pensa, senón aló onde as augas fumegan baixo os teus pés. É discorre satisfeito co teu relembro… Xa pode morrer en paz.

Fóronse aqueles que viñeron a polo teu ouro, deixándote seica sin el, mais, o que non puideron levarse foi a túa calor que zumegas por todos e cada un dos poros da túa pel, senón só gozar del. Nas túas «Burgas» bañáronse e até curáronse aristócratas e plebeos, reis e cabaleiros, príncipes e princesas, curas, frades, monxes, mozas e mozos, ricos e pobres. Non podía ser doutro xeito sendo ti cruce de camiños, nai que a todos acolle. É normal que estés adobiada de tantas pontes, porque ti es a que une, que tende as pasarelas da amizade. Ti nunca fallas, as túas quentes augas de corazón douro converxen nos cruceiros entre pontes e camiños que levan nos seus beizos murmurios da boa esperanza. O foráneo sentirase como na súa patria, o veciño como na súa casa, o camiñante hospedado, o descoñecido coma un máis de entre vos e, para o migrante, non hai mellor fogar.

Así es ti, vila do ouro, das termas, das pontes e dos cruces; do Santo Cristo, San Martín de Tours e revolta irmandiña; da Festa dos Maios e o Corpus, do Magosto e o Entroido; da Corte do Nobre Reino da Galiza e dos segredos encontros do «Hermoso» e a «Loca» urdidos polo celestino Cisneros; vila da autenticidade galega.

Da igual por onde camiñes, polo Xardín do Posío, a Praza San Cosme ou o Botánico Montealegre, ou ben visites o Pórtico Paraíso da Catedral, ou ben atravesa-lo Miño pola Ponte Romana coma facíano os que viñeron a polo teu ouro ou pola Milenio nunha pose máis de home actual, ou ben te achegues cara a Cebollino, Reza, Beiro, Velle, Untes, Vilar de Estrés ou calquera outra da súas parroquias, o seu lene clima mediterráneo fará do paseo un exercicio sen parangón de equilibrio espiritual. E se por ventura a chuvia fixera acto de presencia, non te preocupes nin te amoles que, eiquí, de paraugas sabemos dabondo: estamos afeitos a abriga-la xente. Ourense é o acubillo de todos, e se a tristura teima por non abandonarte, mergúllate nas sulfurosas augas da Chuvasqueira, O Tinteiro ou o Muíño da Veiga e prepárate para un rexenerador baño de almas perdidas.

Pero Ourense non é só a beleza do que ves, senón a beleza que a súa xente amosa. Beleza de xente de ben, grande e nobre; hospitalaria e sinxela; magnánima e bondadosa; filántropa e culta. Non é por casualidade que eiquí nacera «O' Volter», o bar do «Tucho», co Mestre Antonio Fontenla a cabeza, que soubo reunires en torno a unhas chiquitas de ribeiro a escritores e poetas da talla de Casares, Méndez Ferrín ou Millán Picouto; pintores coma Quesada, De Ríos ou Vidal Souto; escultores coma Ascilo ou Buciños. Te-lo aí o teu apodo dabondo gañado e merecido, a «Atenas de Galicia», na que unha xeración falou de Nós. Dun novo rexurdimento que atopou polas túas rúas e currunchos, parques e paseos, un lugar idóneo para berrarlle ó mundo que Galiza tamén existe. Así e todo, a xente que non nos entenden ni atenden, avasalounos impoñéndonos leis, normas e costumes, lingua e cultura alén Os Peares e O Padornelo, e co peche de «O' Volter» quixeron extingui-la Xeración Nós, sitiando e asediando a «Atenas Galega». Pero non é tal, o rexurdimento segue agochado no espírito ourensán entre queixumes dos pinos, liceos e bibliotecas; entre esas xentes do redor que faise a tola elevando a arte a nosa tan enxebre retranca, pero que non esquece de onde é nin onde mora. Eiquí, Nós os galegos, rexurdiremos das nosas cinzas. De novo en Ourense estase a cociñar a nova fornada da cultura ceibe e independente entre Nós, A Xente do Redor. O espírito de Risco, Cabanillas ou Castelao está máis vivo ca nunca e Nós témo-la obriga de expandi-lo por toda Galiza, e de Galiza para o mundo. A min non se me ocorre mellor lugar de partida que a cidade de Ourense, a «Atenas de Galicia».

rpm ‘21

Fornelos de Montes, abril 2021

Comentarios


Vuelve pronto
Una vez que se publiquen entradas, las verás aquí.
bottom of page