«Lembranzas Sen Dono»
- RUBENS PINTOS MARTÍNEZ
- 22 jun 2021
- 1 Min. de lectura

Finou «Olghita», a nai de Olga, a filla de Delolinda,
de Carme a «Mansiña».
A nai miña.
Finou de mañanciña
de non quero lembrar que día.
Finou caladiña,
sen unha bágoa nin mágoa.
Finou leda, co sorriso posto
debuxado nun beizo.
Finou «Olghita», a Dona de Manolo,
a nai de «Quitos»,
a de «Carracido»
que viviía no «Amieiro-longo»
pasando o chan do lameiro,
preto do fondo do «regheiro».
Finou sintindo-o
e ollando-o todo.
Finou leda, de vida chea,
sen unha queixa.
Finou «Olghita», miña naiciña,
e agora, quen me acariña?
Quen me afastará do medo
e das pantasmas do mundo?
Quen me bicará ó rompe-lo día
e ó oído me dirá
todo canto necesito,
todo canto pido?
Finou «Olghita», e a pesar da mágoa,
non teño bágoa con que demostra-lo.
Finou «Olghita», era de mañanciña.
Si, foi-se mesmo ó rompe-lo día!
Foi-se como a anduriña,
sen despedirse na súa partida,
a sabendas de que volvería
calquera un ou outro día.
Finou leda e lixeira
coma unha Virxe milagreira...
mais só finou o seu corpo,
pois a súa ánima segue a estar connosco.
In Memorian
Á Miña Nai
rpm '20
Comentarios