top of page

«CARTAS DESDE GALIZA»

Actualizado: 5 sept

ree


Amada Dona Miña.

      Nesta ocasión, Miña Dona, dirixireime a Vostede en galego.


      Son dos que creo na casualidade e pouco no determinismo, mais hoxe no quero disertar sobre pseudo-filosofía que a ninguén lle interesa; quero falarlle do que aconteceu fai máis de corenta anos e querelo achegar ás estrelas.


      Nestes días, como Vostede ben sabe, ten lugar un fenómeno no firmamento chamado as bágoas de san Lourenzo, choiva de estrelas ou Perseidas que alumean o ceo nocturno do mes de agosto — sobre todo do 10 ó 13 — nun espectáculo sen parangón. Seica que este fenómeno ven ocorrendo fai moito tempo, case que dende o principio do mesmo, e non é máis que a senda de residuos espaciais que vai deixando ao seu paso un cometa polo espazo cando a Terra atravesa devandita senda no seu percorrido o redor do Sol e, tamén seica que, no caso desta choiva de estrelas que ten lugar entre mediados de xullo e finais de agosto, o cometa causante deses residuos e o Swift Tuttle. Mais, tampouco nesta ocasión, quero disertar sobre pseudo-ciencia.


      Eu quero falarlle do noso, Miña Dona, sen intermediarios nin intervención de filosofía ciencia ou sapiencia algunha, pois levo anos tentando racionaliza-lo noso, e non son quen de acadalo. Quero deixar voar a miña imaxinación e pregarlle a todo o meu poder de inspiración, que só Vostede é capaz de arrincarme, e nunha choiva dourada se-lo seu Zeus e metamorfosearme para acceder ó dormitorio da miña ninfa Dánae, que non é outra que Vostede, Miña Dona, e xerar a Perseo, e que este, dende a súa constelación, bendiga cada unha das nosas noites con Perseidas douradas de amor, como fai xa máis de corenta anos, Vostede máis eu, fómolo poñendo en práctica sen máis intermediario e intervención que a nosa vontade, volición e amor; sen martirio algún nin queimas na fogueira das vaidades ou verteduras de bágoas douradas, coma fixo san Lourenzo, porque as nosas, Miña Dona, que si as houbo, só foron vertidas por amor, nunca por dor.


      Falo de deuses e santos, de ninfas e xeración de semideuses, sen ter en conta, Miña Dona, de que xa conto con todo iso: Vostede é-la miña ninfa, Deusa que me santificou coa súa bendición, sacrificio, abnegación e xeración dos nosos fillos, aqueles que non son máis que a nosa continuación na eternidade; pero, sobre todo, coa entrega incondicional do seu corazón, o meirande que home, deus o semideus podería desexar.


      Que máis podería pedirlle o meu maxín e poder de inspiración? O que Vostede me propón, Miña Dona, é real, o demais son só momentos compartidos por la caligrafía, invadindo perímetros dunha superficie anquilosada por el devir dos acontecementos…


      Non teño moito máis que engadir, Miña Dona, pode que un ámote máis dos moitos que aínda quédanme por dicirlle de aquí a eternidade nas quendas de translación da Terra ao seu paso polas bágoas de san Lourenzo, coma testemuña do noso amor, partindo da constelación de Perseo.


      Seu eternamente,

rpm ‘25

Fornelos de Montes, agosto 2025.





Comentarios


Vuelve pronto
Una vez que se publiquen entradas, las verás aquí.
bottom of page