«CARTAS DESDE GALIZA»
- RUBENS PINTOS MARTÍNEZ
- 10 feb 2018
- 3 Min. de lectura
Actualizado: 27 ago

Amado Pai Meu:
Na última misiva que che facía chegar por mor do teu oitenta e sete aniversario terreal, torpemente, se mal non me lembro, viña-che a dicires que ti xa non contas anos senón eternidade. Non sei canto tempo é un ano aló na eternidade, si é moito ou pouco, longo ou curto, pero os que aquí seguimos aferrados ao tempo faise-nos de abondo. Un ano sen ti, un ano sen temón. Cada quen agora trata de marca-lo seu rumbo, mais non é doado sen o teu consello. Do mesmo xeito que ignoro — como tantas outras cousas — todo canto atinxe a eternidade, nada sei do que senten os demais, só acado — de novo con torpeza — conxecturar algunha que outra suposición ou hipótese de pouco ou ningún valor. Pola miña parte, a cotío, cando me ergo, o que trato é de asemellarme cada día un pouco máis a ti. Non me importa figurar coma unha imperfecta copia túa, pero tentarei-no Papá: se cada día voume achegando ao que ti es en si, sei que cada día erguereime mellor persoa. Semella unha empresa sinxela, algo ao abrangue de calquera mortal, mais non nos trabuquemos: o chegar poida que non resulte tan difícil, pero manterse si que non é nada doado. Eu, pola miña parte, no sei se serei capaz, sequera se teño as virtudes necesarias para consegui-lo; pero, como xa dixen, tentarei-no, Papá.
Aquí, nos, os mortais, con iso de contar, temo-la costume de por referencias a esas mesmas contas. Senón, como poderiamos contar? Así, e continuando coas mesmos costumes, temos por tradición celebrar aniversarios. Ren de novo che digo sobor do seguimento que a túa Dona, que é miña Nai, profesa-lle as directrices rituais da Igrexa do Deus dos cristiáns, e é pola mesma que acordou adicarte un deses rituais coñecidos popularmente como «cabodano». Fixo-o, como ben ti sabes, como toda a súa fe e, o máis importante: con todo o seu amor. Bota-te en falta, ¿sabes?, máis do que cabería esperar.
É un xeito máis de relembra-los seres queridos, tan válido coma outra calquera. Ignoro se isto a ti chegarate e menos que te satisfaga, eu que tan pouco son dado ao determinismo. Penso que non. Non te chegara e, polo tanto, non poderá satisfacerte. Creo que aqueles que xa no contades anos por mor da eternidade, por estaren máis aló da comprensión mortal, non vos inmiscides nos asuntos terrais. Non quixera ser tan arrogante. Xa non estades aquí, adicádevos a outras angueiras... Iso é o que eu quero crer, coma crer na eternidade e, como non podo sequera maxinarma, utilizo os recursos que teño a man: a miña mente e o meu corazón. A mente para relembrarte tódolos días de aquí a eternidade, e o corazón para seguires alumeando o amor que por ti profesei cando estabas e agora que non estás: un amor a perpetuidade.
Pero imos acomodarmos a realidade, o que no fundo de verdade importa, sen pornos tan transcendentais. E hoxe fai un ano que non estás, e a túa Dona, miña Nai, adíca-te un cabodano con coro e todo. E seguindo a mesma tradición fixéronse imprimiren tamén uns recordatorios do evento, todo porque nos seguimos a contar. Nestes últimos quixen, inhabilmente — do mesmo xeito que agora o fago escribindo-te —, que neles ficaran unhas verbas a modo de dedicatoria elucubradas por min. Non son gran cousa, pero, como soe dicirse, saíronme do corazón como todo canto fago por ti. Escribinas na lingua dos duros acentos de Castela, porque, soberbiamente, creo face-lo mellor nese idioma, eu que nin sequera sei-no facer no que é-me propio. Descúlpame a torpeza. E cito:
«Abandonado el mundo mortal e imperfecto gozas, como solo los justos lo hacen, de tu lugar en la eternidad desde la atalaya del templo del honor reservado a unos pocos virtuosos. Ya nada te inquieta porque conoces la Verdad; la has contemplado y, maravillado, Ella clavó su pupila en tu pupila y respondió a tu pregunta: «- ¿Qué es la honradez?» «- Honradez eres tú», contestó.
Nosotros, los que aquí quedamos, no aspiramos a otra cosa que no sea imitarte.
Hete ahí tu legado».
Despídome de ti agora, Pai. Non sei ata cando, pero gustaríame que non fora até dentro dun ano. Supoño que a ti, esta pequena inquedanza, ren che importará, tes toda a eternidade para face-lo.
Teu fillo que te quere e non te esquece.
Respectuosamente,
rpm’ 18
Fornelos de Montes, febreiro 2018.
Comentarios