«CARTAS DESDE GALIZA»
- RUBENS PINTOS MARTÍNEZ
- 21 abr 2023
- 3 Min. de lectura

Querido Irmán Meirande.
Un día desta semana foi o teu aniversario. Pode que o martes, ou o mércores, ou ata pode que fora na quinta feira, quen sabe? En realidade non importa, porque a quen lle interesa a non seres a ti e os máis achegados á túa persoa? A ninguén. E se me apuras, e menos aínda, a ninguén lle importa os anos que cumprías. Iso só atínxete a ti. Os demais que se ocupen dos que eles vaian cumprindo, que xa teñen dabondo.
Feita esta aclaración, non quixera que a tomases coma unha desculpa por non escribirche no día que correspondía. A fácil resposta é responder que non no fixen porque non puiden polas múltiples escusas que, en casos coma estes, pódense esgrimir. Non no fixen porque me deu a santísima gana e, co teu permiso – e sen el –, neste apartado, é a min a quen lle corresponde toma-la decisión que me pete.
Falando de anos, o outro día… minto, o día do meu aniversario, e nun ataque de curiosidade, púxenme a investigar que etapa vital correspóndeme, estou a vivir, segundo os expertos, a teor da miña idade. Eu sempre cinguín-me a división coñecida por tradicional que non é outra que a dos «veinteañeros», «treintañeros», «cuarentóns» e os «arios» (sexagenarios, septuagenarios… e entre oitenta e a morte). Cal foi a miña sorpresa cando puiden comprobaren que estou a vivir o que eses expertos denominan como a Senectude!; primeiros pasos, ao parecer, que se cataloga na experiencia vital como etapa da Terceira Idade.
Ti, chegados a este punto, tendo en conta o exposto, estás xa a medio camiño desa nomeada Senectude. Pois, se así é, con máis razón reafirmo-me nas afirmacións vertidas ao inicio desta. Se xa nos toman por vellos de terceira clase, entón estamos xustificados para facer e dicir un pouco o que nos de a gana, pois lonxe fican xa os tempos nos que tíñamos que calar e tragar co que os demais lles petaba. Supoño que será un círculo, e que este, coma todos, terá que pecharse, pois, de non facelo, deixaría de ser o que é.
Por outra banda, non te preocupes, pois inda che queda un treito para chegar á vellez como tal, sempre de acordo ao estudio destes estudosos, que seica que disto entenden. Ademais, estou convencido que ti máis eu chegaremos, cando menos, a idade dos Grandes Anciáns e, coma aos grandes simios terán que aturarnos. Non teño dúbida algunha, non lles vai a quedar outra, non teñen máis remedio, irmán; e ti, por se-lo Meirande, correspondera-te toma-la iniciativa, e tal como te coñezo, non só non lles vai a quedar outra, senón que non hai outra. É o que toca, é o círculo ao que me refería, é o círculo da vida que tantas e tantas veces atrapallamos cun circo (isto último tomei-no prestado de papá).
Rirémonos da noite, Irmán Meirande, e cando chegue a hora, ateigaranos as gargalladas porque así petara-nos, e de fronte, sen medo, iremos a pola eternidade. Namentres, agardemos, e vaiamos a por outra Senectude, pois a eternidade ben pode esperar por nós, ten todo o tempo do mundo. Polo de agora, tócame despedirme, i espero ter que face-lo unhas cantas veces máis até que non nos aturen ou, mellor, até que esteemos fartos de tanto aturar.
Parabéns, Irmán Meirande!
Saúdos e forte aperta. (Saúde e pesetas, como dicía o noso pai).
Como Un Irmá Che Falo
rpm ‘23
Fornelos de Montes, abril 2023.
Comentarios