top of page

«CARTAS DESDE GALIZA»

Actualizado: 23 ene 2023



ree

Como a un Pai che Falo.
Nieves.

Esta vez fíxeno a mantenta. En primeiro lugar, despois de tanto tempo, tanto ten, ti que tan sobrado vas del. Digo de tempo, pois o pasado día vinte dos correntes cumprías, 92?... e a ti, que máis che da? Ti xa non compres, xa non contas... En segundo lugar porque non me apetecía, e non porque non me apetecera escribirche, pois era a miña intención, senón porque a vida volveume a bater coa súa fatídica faciana. Alguén a quen ti coñeces reuniuse contigo e Mamá aló no alén, na eternidade.


Coma ti – coma vos – o que máis a distinguía era a abnegación, esa calidade que eu definiría coma a máis absoluta altruísta de todas. Sacrificar todo canto un é por os demais; renunciar a todo benestar propio a prol do benestar dos teus; sacrifica-la ledicia pola ledicia de quen che importa; dar sen ren recibir, sen nada esperar a cambio; amar incondicionalmente... e todo sen ruído, sen un mal xesto, sen unha queixa... con agarimo, con tesón, cun sorriso se fai falla... Iso era todo canto era Nieves, a verba que mellor a definía, a abnegación, a que mellor a retrataba: a entrega en corpo e alma polos seus. Virtude, Papá, que contigo e Mamá compartía.


Cando alguén afástase de ti sen el buscalo e sen ti esperalo, así, de súpeto, déixate baleiro, como orfo de sentimentos. No meu caso trato de aferrarme a algo real, vivo se queres, pode que non de todo tanxible, pero que sei que existe ou, a lo menos, existiu. Cando me comunicaron a fatídica noticia, o primeiro que me veu a cabeza foi a imaxe de Nieves tal como no anterior parágrafo queda descrita. Obvie tódolos os seus defectos que aos meus ollos tiña, unha visión sesgada e subxectiva da realidade que de pronto esclarecíase perante os meus ollos. Non pretendo idolatrala, de seguro tiña defectos, pero se podemos perdoar unha persoa polo simple feito de seres traballadora, como non imos perdoar a quen todo perdoou sen que ninguén lle pedira o perdón.


Comecei a entendelo cando ti te fuches, cando do terreal decidiches sumarte á eternidade. Fun-no comprendendo cando Mamá seguiu os teus pasos. Agora, péchase o círculo: entendo e comprendo e só podo facelo dende a perspectiva de pai que son. Foi o vos sacrificio, o sacrificio de Nieves, e nunca poderei devólvevolo. Chorei, coma non, e como a vos, botareina de menos e, egoistamente, botarei de menos a súa abnegación, pois saber que alguén está a velar por ti fai que poidas durmir máis tranquilo. Agora xa non queda ninguén que vele por min, agora tócame a min estar alerta e non sei se serei quen de acadalo.


Foise o pasado 17 dos correntes y ti cumprías o 20... Entenderás agora porque non te escribín, non tiña o corpo, nin a mente, nin o espírito para acomete-lo... Aínda nestes intres nos que me puxen a elo, case forzado, cústame topalas verbas para expresar todo canto no meu interior mestúrase e confúndese descoñecendo o por que. Ou tal vez si, pero só son preguntas que non teñen respostas…


Estas poucas liñas malparidas tiñan que ser exclusivamente dedicadas a ti... e xa ves. Eu non quería dedicarllas a ningunha outra persoa, e menos a que me refiro e neses termos. Sei que ti entenderalo, pois teño a convicción que na eternidade a comprensión é completa porque un xa se completou. Agora xa sodes tres os que me fadedes comprender o que en vida non souben entender por máis que vos o tentastes.


Despedireime a sabendas que na eternidade tal cousa non se estila, pois tendes todo o tempo para face-lo, só os mortais dicímonos adeus e Nieves até fai pouco, case que ren, era das que se despedían, así que eu fareino dela ao meu xeito nos duros acentos de Castela:


«Respira Nieves, ahora ya nada te lo impide. Toma aire y dinos cómo vivir con abnegación. Te echaré de menos».

Tu yerno.


Fornelos de Montes, novembro 2022.


rpm ’22

Comentarios


Vuelve pronto
Una vez que se publiquen entradas, las verás aquí.
bottom of page