top of page

«CARTAS DESDE GALIZA»

Actualizado: 21 feb 2023


ree


Como Un Irmán che falo.

Sempre a voltas coa sorte, iso é en maior ou menor medida o que todos facemos por máis que digamos que nela non cremos por ser de pouco fiar. Emporiso, sexa dun xeito ou doutro, todos xogamos a lotería ou, se queres, entregámonos ao que a fortuna teña disposto para nos. A isto último, e perdoa a miña pedantería, é o que se denomina como determinismo, e eu confesareite que son pouco dado a este tipo de correntes, chamémoslles, filosóficas. Eu aliñóeme máis coa casualidade. Pero deixemos de falar das miñas paranoias e de min, e centrémonos no importante, que es ti.


A casualidade quixo que eu fose teu irmán. Entre centos de miles de espermatozoides, dous deles foron a fecundar casualmente outros dous de tantos óvulos que, a fin – porque todo tende a un fin –, foron a formar o que respectivamente somos ti máis eu. Como podes comprobar, a nosa fortuna – a lo menos a miña – comezou nese mesmo intre. E non creo que isto nada tivera que ver cun plan preconcibido; sería, segundo a miña opinión, demasiado complexo, rebuscado e complicado, e tampouco creo que ninguén nin nada tomaríase a molestia en elaborar semellante plan, e xa non por complexo, rebuscado e complicado, senón por aburrido e traballoso. Imaxínaste? Pois ben (como podes ver, sigo coa miña tolería), poderíase interpretar que a casualidade contigo ao longo da túa vida foi máis ben dada a presentarte a súa faciana menos amigable, máis cru e cruel e que, en canto en forma de fortuna, a cousa en vez de mellorar empeñouse en empeorar. Que che vou contar a ti que non saibas.


Con todo, eu considero que es un home afortunado. Non serei aquí tan galego como para gabar até a virtude a resignación, sobre todo cando estas malparidas liñas van dirixidas a personificación da mesma, e non dunha calquera, senón esa que a mesma realidade fainos asumi-la con humildade. Resignarse, meu irmán, non é renderse, é acepta-los avatares da vida con enteireza e afouteza, dúas virtudes que sen dúbida algunha adobían a túa personalidade. A mala sorte é un desabafo, una xustificación para os pobres de espírito, para aqueles que non teñen as galadas de abondo como para enfrontarse ao que a vida vai-nos amosando, que non son máis cas rafas que imos deixando ao longo do noso percorrido vital: somos o que fomos e imos construíndo. A ti, se me permites a expresión, sóbrante «bemoles».


Por iso digo que es un home afortunado. Por iso e por moitas máis cousas, tantas que non sería quen de darlle cabida neste escrito. Por exemplo, por ser un exemplo coma o es para min, por ser unha persoa de ben, por ter o teu redor xente que te ama porque ti coma ninguén sabes amar, por lealdade e compromiso cos teus, por… xa dixen que non sería quen de elaborar unha lista tan extensa. Como podes comprobar, non te considero un home afortunado polo que recibiches, senón polo que podes dar. É aí onde radica a nosa verdadeira fortuna. Recibir é fácil, a cousa complícase cando temos que dar… Se queres, non me des a razón, porque poida que non a teña (o que adoita acontecer moi a miúdo), pero do que non me convencerás é de que eu non son un home moi afortunado, pois posúo a fortuna de te-lo o Meirande dos Irmáns Meirandes.


Como acostumo pechar estas <<CARTAS DESDE GALIZA>> dun tempo a esta parte, aconsellareite, eu que nin a min mesmo sei aconsellar, que non fagas demasiado caso do aquí exposto, pois corre-lo risco de tolear falando de cousas sen sentido e de pouco contido. Con todo, non puiden resistirme e quixen agasallarte no día do teu aniversario con estas, coma xa puntualicei, malparidas liñas, mais, en todo caso, nunca exentas dos máis profundos sentimentos de irmandade.


Forza Irmán Meirande.


Parabéns!


rpm ‘22



Fornelos de Montes, abril 2022.

Comentarios


Vuelve pronto
Una vez que se publiquen entradas, las verás aquí.
bottom of page