top of page

«Lembranzas Sen Dono»

Actualizado: 21 may 2021



ree

Boca preta a berrar

sobre montura de freos de «varilla»;

ouvidos sen tempo de acreditar

o que oen o cabo da bucina.

Son tempos de abrazar,

momentos de benvida

dos que temos que gozar

afastados da despedida.


Cuartillos de leite hai que procurar

costa arriba máis aló da capela;

que, quen queira chegar,

antes ou despois chegará,

porque o importante hoxe é festexar

o aniversario do día.

A Virxe a todos vai-nos agasallar,

que para iso din que é tan milagreira.


De cara a vía,

preto do paso,

ó peirao ímonos mergullar.

As veces o Roni ven connosco,

case sempre o mediodía,

pouco antes da hora do xantar.


Polo serán fomos algún día

a sabendas ou non sabendo

o que nas beiras pódete esperar.

Rapaces brincando, mozas nadando;

ollada que desconfía

pronta a turrar.


Verde é o outono galego

ó paso da monótona poalla

inspiradora do relembrar,

namentres o teu noxo

agarimosamente quéresme amosar

encollendo ollo i erguendo cella.


Xa non canta o eixo do carro

co que íamos ao rompe-lo día

ós montes da Risca a candear.

Era do teu tío máis querido,

no que ti soubeches argallar

rodas de pino de madeira fina.


Foi polo noso andar

entre as sombras da lúa

polo que os cans deixaron de ladrar,

lanzándose de caza

procurando onde trabar,

e ti máis eu coa única defensa

dun paraugas, o correr e o patear.


Agora só podo lembrar,

a outra parte xa non está.

De ren servirame chorar

agora que a bágoa e a mágoa

xa non me poden calmar;

agora que xa non é antes, senón agora;

agora, curmán, quen coas lembranzas vai-me axudar?


In memorian

«Agora, curmán»

rpm 21


Fornelos de Montes, maio 2021.

Comentarios


Vuelve pronto
Una vez que se publiquen entradas, las verás aquí.
bottom of page