«CARTAS DESDE GALIZA»
- RUBENS PINTOS MARTÍNEZ
- 22 abr 2020
- 3 Min. de lectura
Actualizado: 17 abr

O tempo non significa nada para ti, ris-te del!
Meu Querido Irmán Meirande.
Parece que con isto do confinamento todo anda como máis quedo, máis parado, como se o tempo estivera detido; un tempo que é-nos tan necesario, pero que en demasiadas ocasións deixámo-lo escapar, mesmo agora que temos aparentemente dabondo. Pero non é tal, el segue a ser o mesmo de sempre, ese xuíz imperturbábel que segue-nos a recordar que non se detén por moito que o queiramos confinar. Eu, pola miña banda, prefiro manterme a ben con el, tratando de usa-lo máis ou menos como até o de agora viña-o facendo, por iso puxen-me a adicarte unhas verbas escritas no día do teu aniversario como, de un tempo a esta parte, teño costume face-lo.
Xa que estamos a falar de tempo, a min gustaría-me pensar – abofé que son – que, a ver se dunha vez por todas, nos, os humanos, con tanto tempo a favor, conseguimos cambiar. Coido, Meu Irmán Meirande, que ti has de ser tan pesimista coma min. Isto só acabou de comezar e xa estamos a tirarnos os trasnos a cabeza por máis aplausos de solidariedade enmascarada queiramos dar, unha síntoma máis da sobre-abundancia de tempo que dispomos e que tan mal estamos a aproveitar. É o que ten o aburrimento, o estares tanto tempo confinados entre as catro paredes dunha casa que dicimos é o noso fogar e os muros dos nosos cerebros cos que presumimos saber pensar, acoutados polas novas tecnoloxías que propón-nos facer-lle máis caso a un adestrador de fútbol que a un experto, por poñer un exemplo, en epidemioloxía. É o mundo que co tempo foise construíndo, espero que con ese mesmo algo vaia cambiando, unha resposta túa e miña que xa ficou sobradamente exposta máis arriba.
Pillou-nos o touro, como soe dicirse – neste caso o tempo – en forma de virus, e tal como ocorreu coa Fórmula-1, dun día para outro, todos nos convertemos en expertos en microbioloxía e tódalas súas ramas seudo-científicas. Ata houbo quen falou do microorganismo coma se foran uns entes estraños alleos ao noso modo de vida, confinando a unhas fronteiras artificiais un patóxeno natural. Bueno!, nisto hai quen até incluso propón as conspiranoias de sempre. Teño entendido que, nalgúns lugares do artificial mundo humano, os templos relixiosos permanecen abertos por considerarse, estes, servicios esenciais! Como diría un castizo da nosa veciña meseta: ¡para comer cerillas, oiga!
Menos mal que te teño a ti, Meu Irmán Meirande, e que túa cordura e sentido común – herdanza do Mellor Home do mundo –, fai que non acabe por tolear de todo. Ese Mellor Home do mundo diría-nos, con retranca e sorriso tan enigmático como o de Mona Lisa, que o tal virus non é máis que outro invento para foder aos de sempre; neste caso, a xente vella, que seica hai demasiada e as súas pensións saen por un pico. Estou-mo a imaxinar, e ata podo ve-lo seu sorriso e oí-la súa voz de home experto por experimentado – e seica que ti tamén –, como nos sostería a mirada sen pestanexar mantendo-nos na dúbida da veracidade da súa afirmación. O final, seguro que botaríamo-nos a rir das parvadas que a cada un de nos iría-nos ocorrendo, como ti agora estás-te a rir do que agora estás a ler con esa bendita cordura e bendito sentido común herdado do Mellor Home do mundo... e a min pouca ha de importar- me porque teño-te do meu lado... ¿sabes?, boto de menos aqueles momentos, ogallá houbera-mos detido o tempo...
En fin, xa que tes tempo, non no perdas en parvadas tales como cumprires anos, a eses sobran-lles tempo para chegar. Son os únicos, por certo, que sempre chegan; só é cuestión de tempo.
Parabéns, Meu Irmán Meirande!
Como Un Irmá Che Falo
rpm’ 20
Fornelos de Montes, abril 2020.
Comentarios