«CARTAS DESDE GALIZA»
- RUBENS PINTOS MARTÍNEZ
- 20 abr 2019
- 3 Min. de lectura
Actualizado: 1 feb 2023

Meu Querido Irmán Meirande.
Non cabe dúbida de que chego tarde a cita, esa que me obriga por auto-imposición a adicar-che unhas verbas no día do teu aniversario. Nembargantes, coido que aínda chego a tempo, xa que ti decidiches, unilateralmente, celebra-lo mañá, domingo; un xeito máis, case que caprichoso, de troca-lo devir dos nosos acontecementos vitais. Aínda que non séxa-lo mesmo, nin sequera parecido, sirva-me de desculpa, xa que o que estou a escribir pode-se enmarcar no cadro dos regalos, e estes soen-se entregares o día mesmo da celebración.
Non deixa de seren unha contradición o xeito do que moitos de nós afrontarmos a cuestión das celebracións. Polo que eu escoito e puiden até o de agora observar, da-me a sensación de que a maior parte da xente que coñezo, da-lle, cando menos, pouca importancia ou directamente obvia estes tipos de asuntos, alegando todo tipo de escusas a cada cal máis enxeñosa, cando non, inventada. O máis socorrido, é a tan manida ocorrencia que consiste en dar a entender que as celebracións non teñen que ser una obriga coma recordatorio, senón que deberían producirse de forma espontánea. Tal vez, debería ser así. Mais eu penso que as celebracións están concibidas, coma semanticamente pode-se deducir, para seren celebradas e, ademais, no seu dia. O que creo, é que tendemos, non sei se interesadamente, a confundi-los termos e tomar coma sinónimos celebración e invitación. Son dos que pensa, como ti tes comprobado en infinidade de ocasións, que a nai de tódalas confusións é non ter claro os conceptos.
Non serei quen negue a estreita relación que hai entre ámbolos dous conceptos, pero pouco errado estou se afirmo que ti estás de acordo coa miña percepción: non toda celebración ten que ires aparellada a unha invitación; hai moitas daquelas que só pertencen a máis profunda intimidade de cada cal. Pero, a que mañá ti celebras, non é desta estirpe, senón máis ben das que anotamos no haber da ledicia. Eu, a lo menos, así o sinto, porque ter-te un ano máis comigo é unha das maiores ledicias das que desfruto neste, en demasiadas ocasións, val de bágoas.
No caso que nos ocupa, que es ti, podería-se aplicar a minguada e nada fiábel teoría que anteriormente expuxen sobor dos sinónimos. No que te atinxe, celebración e invitación, e/ou viceversa, son dúas caras da mesma moeda: non concibes unha sen a outra. E non fai falla que se plasmen como algo tanxible, como un acto concreto e reproducíbel (pode incluso – segundo os tempos que corren – trocarse a virtual), senón que sexa tan só acordado por ti: calquera invitación que parta da túa persoa deberá sempre tomarse como unha celebración. O motivo de que tal sexa así, é a túa xenerosidade, un concepto que tes a ben aplicar en calquera do teus actos, aínda que sexan naqueles nos que menos apetece-nos actuar. Non esquezamos – para logo non ter que confundirmos – que a xenerosidade forma parte da magnanimidade, unha das cinco meirandes virtudes.
Coma sempre, despido-me de ti, pregando-che que non me fagas moito caso, que o até aquí exposto non son máis que unas imperfectas elucubracións de alguén que tenta pensar. Con todo, sei que non esquecerás que o escrito é dito, dende e para o corazón, que é o único xeito que coñezo de face-lo.
Mañá, por razóns alleas a miña vontade, non poderei asistiren a celebración do teu aniversario, pero é-me dabondo con sentir-me un máis dos teus convidados.
Parabéns, irmán meirande!
Como A Un Irmán Che Falo
rpm ‘19
Fornelos de Montes, abril 2019.
Comentarios